"O centralismo delirante, borbónico, que vén do século XVIII, xa non serve"
Javier Alfaya naceu en Baiona (1939) pero é un deses galegos de fóra. Membro do PCE durante o franquismo, e logo de IU, ten unha cumprida traxectoria profesional como xornalista. Redactor das revistas Triunfo, Mundo Obrero ou La Calle, foi colaborador de El País, Letra Internacional, Cuadernos para el Diálogo e Revista de Occidente, hoxe é colaborador de
Le Monde Diplomatique.
Galego de fóra e internacionalista convencido, Javier Alfaya fala dende a experiencia profesional e política que dan os anos e o temperado fracaso da utopía. En Compostela, convidado polo Club Internacional de Prensa, reflexiona sobre a cultura en tempos de globalización, advirte de que Iraq non vai ser o derradeiro troupeleo dun Imperio que se esboroa e aproveita a estadía no país para apertar os amigos. A Xosé Manuel Beiras e a Isaac Díaz Pardo saúdaos en galego, aínda que logo se pase ao castelán para a conferencia porque en Madrid, concede, "practica pouco". Unha entrevista de Iago Martínez con fotografías de Quico López.
Con todo, agora insiste en falar galego.
Un día que Beiras e Pepe Cáccamo presentaron un libro meu en Vigo, hai pouco, foi alí outro amigo, un dos mellores escritores en lingua galega, Camilo Gonsar, un home moi tímido. O caso é que falei en galego, mais logo sentín que tiña que matizar moito e pensei que era mellor facelo en castelán. Ao final do acto, Camilo preguntoume por que o fixera, e eu confeseille que tiña dificultades, que o meu galego non era moi bo. Sabe o que me contestou? Que falaba o galego mellor que moitos aquí en Galicia (ri).
Acontece decote.
Claro que acontece. É un problema histórico do galeguismo, a reinventar constantemente a lingua para afastala do castelán. Ao cabo, son linguas que teñen a mesma raíz.
Estaba a pensar máis ben en termos de conflito lingüístico. Hai moitos neofalantes de familias que falaban en castelán, escolarizados en castelán...
Eu son dunha xeración analfabeta en galego. Empecei a escribir poesía en galego, si, para min, pero na casa aprendéranme en castelán, sen ningunha intención, as criadas. Son dunha familia moi burguesa. Dos catro irmáns que teño morreron tres, os maiores, e ningún falaba o galego. Só un, o que quedou por aquí, un pouco. A Guerra Civil tamén afectou. Falar galego na clase media era ser un subversivo.
Encetou a súa conferencia cun agoiro: prepárense, o Imperio está para caer.
Non sei se leu vostede o libro de Todd, Après l'empire. Como tódolos libros desta caste é moi provocador, mais concordo con el en que os EEUU están para caer. Estamos diante dunha gran escenificación internacional de forza. O problema non é Oriente Medio. Israel si, porque aí hai unha sorte de nó estratéxico, e hai petróleo, mais eu coido que o problema dos EEUU é China. China e Rusia, porque aínda que xa non é o que era, Rusia ten un poder nuclear impresionante, pode varrer Europa en dúas horas. E logo está a presenza dos neocons, un sinal de decadencia. Por que? Porque antes non os precisaban. O Partido Demócrata foi o partido máis belicista da historia norteamericana. Esquecemos que a guerra de Vietnam foi a máis terríbel, con millóns de mortos, non norteamericanos, claro, senón vietnamitas, e que foi dunha administración demócrata. Kissinger é un bandido, xa o sabemos, mais na altura foi máis realista que Dean Rusk, o secretario de Estado, ou que Walt Rostow, asesor especial do presidente. Eles foron belicistas até o final, negáronse a recoñecer a derrota, a maior, a única dos EE.UU. Agora teñen diante a China, unha gran potencia cun crecemento do 10% do PIB anual. Pero é que ademais teñen unha crise de identidade. Estou casado cunha norteamericana e os meus fillos teñen a dobre nacionalidade. Non coñezo ben os EE.UU mais si a moitos estadounidenses, aos que teño na casa, aos que tiven, porque os meus fillos xa non viven connosco, e a moitos amigos. E sempre falamos de que hai xa dous EE.UU., un deles moi liberal, democrático, máis que moitos países europeos...
A cuestión é saber se ese país liberal cuestiona ou non o proxecto imperialista.
Empeza a cuestionalo. Hai unha certa conciencia democrática que antes non... Que digo! Pense na oposición que houbo contra a guerra de Vietnam! Estiven en Berkeley en 1969 e vin a bandeira da FLN vietnamita, mitins todos os días, axitación auténtica. E contra a guerra de Iraq tamén houbo millóns de persoas mobilizadas. A miña sogra, que era de dereitas, católica de orixe irlandesa e norueguesa, da ala máis conservadora do Partido Republicano, acabou por saír á rúa para se manifestar contra esa guerra. Para min un dos grandes políticos do século XX foi Ho Chi Minh, un home intelixente, unha sorte de Mandela do seu país. Na guerra, con todo o mundo enleado nas manifestacións, el repetía: a vitoria final será nosa e do pobo norteamericano. Todos pensaban que estaba senil, era un home de oitenta anos, si, pero máis listo que ningún. Levaba razón.
Onde está a esquerda europea?
Non a hai. Un día díxenllo ao pianista Maurizio Pollini, que fora comunista. Sabe o que contestou? Que é certo, que o único que queda é a decencia. O fracaso do comunismo foi brutal. Ninguén podía pensar nunha catástrofe semellante. Sabíase que había cousas, que os estados do leste de Europa eran sociedades mortas... Alí todo empezara coa invasión do exército soviético, nunca houbera raizame, mais no Occidente si. Aquí, os partidos da vangarda antifascista foran os comunistas, a resistencia fixérana os comunistas e os nacionalistas franceses. Non sei o que pasou. Dicía Hobsbawm, o historiador inglés, cando presentou a súa autobiografía en Madrid con Fontana, o catalán, o mellor historiador deste país, que había un enigma sen resolver: a autodisolución do Partido Comunista Italiano. Se o pensas ten razón. De todos, era o máis democrático, o máis aberto, cunha aceptación absoluta do pluralismo, da necesidade dun gran consenso social e político para mudar a sociedade. Que pasou? Non o sei. Olle agora para Italia, un dos países máis inestábeis de Europa. O comunismo fracasou e a socialdemocracia tamén. Olle o que está a pasar en Francia. Cal é a esquerda? Os socialistas? Ségolène Royal? Dicía Ramón Chao que prefería que gañara ela as eleccións. Si, claro, pero iso non é... Royal é admiradora de Blair! Pode que do seu belicismo non, mais si do que fixo coa sociedade británica, que é un desastre. E logo a Internacional Socialista, unha ficción. Como pode sentar con Blair un pacifista como Zapatero? Están enfrontados a morte! Se Blair é un iluminado que disque fala con Deus! Hai que facer algo... O que si hai é esquerda social, xa o dicía Bourdieu.
Se cadra non é só unha crise da esquerda, senón dos partidos políticos.
Os partidos teñen tendencia á institucionalización, fan parte do réxime. Están instalados, todos, sen excepción. Falábao con Ferrán Montesa, de Le Monde Diplomatique, co que comparto orixe política. Concordabamos en que os sindicatos europeos son cadora máis conservadores. Non sei en Francia, onde o sindicalismo é máis activo, está na rúa e ten máis sensibilidade, mais noutros países está moi apegado ao goberno do momento, aínda aos conservadores. É case unha parte do Estado. Non hai máis que ver a evolución de CC.OO. Naceu como un sindicato revolucionario e foi o grande inimigo do franquismo até o final. O PCE era un partido moi minoritario, de activistas, cun partido así só podías facer guerra de guerrillas. CC.OO., porén, tiña unha forza extraordinaria. Os empresarios xa negociaban con eles, sabían que recorrer ao franquismo era meter a policía nas empresas e iso non os beneficiaba. Non sei, coido que hai unha crise moi grande, todo está inzado de interrogantes. Do socialismo non fica nada. Non sei en Vietnam, mais en China é pouco máis que un xeito de falar. É unha sorte de capitalismo de Estado, moi controlado, si, mais... A resurrección da esquerda europea ten que estar xa moi condicionada polo que aconteza no Terceiro Mundo, en América. Pense que, no entanto os gringos están en Iraq, Irán ou Siria, países como Brasil, Ecuador, Bolivia ou Venezuela... O outro día, falando cun sobriño meu que é deputado en Brasil..