Profilo di JesúsAires da miña TerraFotoBlogElenchiAltro ![]() | Guida |
|
Aires da miña TerraA nosa voz pregoa a redenzón da boa Nazón de Breogán 07/04/2007 Enquisa a Javier Alfaya, escritor e xornalista"O centralismo delirante, borbónico, que vén do século XVIII, xa non serve"Javier Alfaya naceu en Baiona (1939) pero é un deses galegos de fóra. Membro do PCE durante o franquismo, e logo de IU, ten unha cumprida traxectoria profesional como xornalista. Redactor das revistas Triunfo, Mundo Obrero ou La Calle, foi colaborador de El País, Letra Internacional, Cuadernos para el Diálogo e Revista de Occidente, hoxe é colaborador de Galego de fóra e internacionalista convencido, Javier Alfaya fala dende a experiencia profesional e política que dan os anos e o temperado fracaso da utopía. En Compostela, convidado polo Club Internacional de Prensa, reflexiona sobre a cultura en tempos de globalización, advirte de que Iraq non vai ser o derradeiro troupeleo dun Imperio que se esboroa e aproveita a estadía no país para apertar os amigos. A Xosé Manuel Beiras e a Isaac Díaz Pardo saúdaos en galego, aínda que logo se pase ao castelán para a conferencia porque en Madrid, concede, "practica pouco". Unha entrevista de Iago Martínez con fotografías de Quico López. Encetou a súa conferencia cun agoiro: prepárense, o Imperio está para caer. Por qué se invadiu entón Iraq?Un informe do Pentágono recoñece que Sadam non tiña relación con Al QaedaUn informe de 120 páxinas elaborado polo propio Pentágono recoñece que non hai probas para establecer ligazóns entre o réxime de Sadam Hussein e a organización Al Qaeda. A conclusión é o resultado dos interrogatorios ao ex lider iraquí e dos numerosos documentos oficiais estudados logo da invasión. O relatorio foi feito público grazas ás xestións do senador demócrata Carl M. Levin, presidente do comité dos Servizos Armados do Senado.
24/03/2007 AusenteBoas xente! Levo xa unha boa tempada sen pasar por aquí.
O caso é que estou sen computador e ando liado pola semana, de xeito que non teño tempo de atender a todo. Seguirei sen pasar moito por aquí nunha tempada e/ou reducirei o número de artigos...
Agora traslado a miña principal actividade la Blogoteca: Sempre en Galiza 13/03/2007 Flandres defende a súa culturaFlandres insiste en que o neerlandés debe seguir sendo a lingua principal nas escolas "O primeiro é que os alumnos coñezan perfectamente a súa lingua materna", indicou o presidente do goberno flamengo, ao rexeitar a creación de escolas bilingües. A lingua flamenga seguirá sendo a principal nas escolas de Flandres se non hai cambios na correlación actual de forzas en Bélxica. A maioría de formacións políticas de Flandres rexeitaron a proposta do Partido Socialista, maioritario en Valonia, para que se promovesen escolas bilingües, con igual peso para o francés e o neerlandés. A iniciativa propón que as primeiras escolas dese tipo se estabelecesen ao longo da fronteira lingüística entre as dúas áreas do Estado belga e que inclúan alumnos e profesorado a partes iguais de cada unha das comunidades. 03/03/2007 Os fusilamentos da Guerra Civil na GalizaAs tres universidades galegas elaboran un detallado mapa dos fusilamentos da Guerra CivilAs tres universidades galegas emprenderon un estudo conxunto, pioneiro en España pola súa metodoloxía, para elaborar un mapa cos nomes das vítimas e lugares dos fusilamentos entre o 1936 e o 1939 e reunir as voces de 300 represaliados ou familiares que estará rematado no 2007.O coordinador do estudo para a provincia de Ourense, Xulio Prada, explicou a EFE que o proxecto é "moi ambicioso" e o mapa non estará elaborado a mediados do ano 2007, como se prevía, "xa que a intención é recoller 300 testemuños en toda Galiza e entrar en tódalas causas militares arquivadas en Ferrol". En relación aos fusilados en Galiza, Prada indicou que hai disparidade de cifras que oscilan entre 4.500 e 10.000 persoas "debido á dificultade do concepto de vítima, xa que inclúe contar, por exemplo, a un asturiano que foi fusilado en Ourense, pero tamén aos galegos fusilados no resto do Estado". Nese senso, o historiador estimou entre 4.500 e 7.000 os fusilados en Galiza, case todos entre 1936 e 1939. Segundo Prada, a represión en Galiza tivo como característica diferenciadora do resto de España: "a gran dispersión dos cadávres, xa que nunca se atopan máis de cinco nun mesmo lugar, agás en Ferrol, onde houbo fusilamentos de até 24 persoas xuntas nos primeiros meses, debido á gran resistencia obreira existente e á falta de espazo para recluír aos detidos, polo que se habilitaron barcos como centros de prisión". O mapa en proceso de elaboración, recollerá lugares "moi coñecidos polos veciños e a algúns até lles puxeron nome e apelido, como ocorre co Arca Aberta situada preto de Vilariño Frío e na que mataron a catro líderes comunistas e mestres". Xustiza en galegoPropoñen que se introduza unha materia de lingua galega en Dereito O deputado do BNG Bieito Lobeira pediu que se tomen medidas para garantir a defensa dos dereitos lingüísticos na administración de Xustiza, como a implantación da materia de Galego nas facultades de Dereito do país. Lobeira considera que os maxistrados que descoñecen e mesmo desprezan o idioma non poden impartir Xustiza en Galiza. O parlamentario nacionalista cita o caso do xuíz decano do Xulgado do Social número 3 da Coruña, que se amosou publicamente contrario ao uso da nosa lingua en varias ocasións. Na iniciativa parlamentar, solicita que a Secretaría Xeral de Política Lingüística faga unha avaliación da situación e explique que medidas vai tomar para resolvela. 02/03/2007 O himno galego non data de 1907, senón de 1896'Que din os rumorosos' xa soaba con música no século XIXNo Congreso que está a ter lugar estes días na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago de Compostela, acábase de revelar un novo dato sobre o himno: os actos céntranse en homenaxear a Pascual Veiga no centenario da estrea da versión musical, pero o musicólogo Fernando López Acuña descubriu que realmente non se produciu en 1907, senón xa no 1896.
O Congreso "Pascual Veiga e a súa época" está a celebrarse do 1 ao 3 de marzo na EAEM, organizado pola Consellería de Cultura,
con motivo do centenario da estrea do himno musicado por Pascual Veiga.
Pero xa na primeira xornada sóubose que o centenario non é tal, senón
que son xa 111 anos os que se fan deste fito: Fernando López-Acuña,
membro do grupo de investigación, obtivo datos que refutan a hipótese
da estrea na Habana en 1907. Non se saben a data e o lugar exacto, pero
segundo as informacións publicadas e partituras dos orfeóns da época, o
himno tal e como o coñecemos xa era tocado no 1896: a prensa
especializada recolle a polémica que xurdiu nun certame de Lugo,
despois de que o Orfeón do Centro Galego de Madrid dirixido por Veiga o
perdese. O Orfeón emprega a letra do poema de Pondal para defenderse
"máis só os iñorantes, e feridos e duros,/ imbéciles e escuros/ non nos
entenden, non". Outros vestixios sitúan a composición do mindoniense en
mans do Orfeón madrileño El Eco. Autodeterminazón dos indíxenas bolivianosBolivia podería recoñecer o dereito dos indíxenas á autodeterminación O goberno de Bolivia está decidido a que a nova Constitución recolla o dereito á autodeterminación dos pobos indíxenas. A proposta foille entregada á Asemblea Constituínte, encargada de redactar a Carta Magna. O documento Propostas do poder executivo á Asemblea Constituínte para a elaboración da nova Carta Magna de Bolivia contempla o recoñecemento a que "os pobos indíxenas e orixinarios recuperen o seu dereito á autodeterminación". O informe do goberno que dirixe Evo Morales foi entregado á axencia EFE polo presidente dunha das comisións que están a traballar na redacción da Constitución. No capítulo correspondente ás autonomías, o Executivo sinala que "os dereitos de autodeterminación e autogoberno se exercen a través da capacidade de autonomía dos pobos e comunidades", e suxire que os indíxenas recuperen o seu "papel protagonista". Dereito a veto no seu territorio "As autoridades dos pobos indíxenas teñen personalidade xurídica de orde constitucional. O seu recoñecemento corresponde a cada pobo e comunidade segundo os seus usos e costumes, sen que se lles requira ningún trámite adicional ante outra entidade", salienta o informe. Ademais, segundo este, "terán dereito a que se lles consulte sobre a exploración e explotación de recursos no seu territorio, e, incluso, o dereito ao veto". Porén, aclara que os procesos de descentralización non poden pór en risco a cohesión de Bolivia. Función social da propiedade privada Por outra banda, o documento recolle a posibilidade de que o Estado sexa o propietario de todas as terras e recursos naturais. Tamén propón que a Igrexa católica perda os seus privilexios de relixión oficial e que as chamadas "organizacións sociais" -a maioría unidas no Movemento Ao Socialismo, MAS- integren un "órgano constitucional autónomo, que controle as actuacións e a xestión do poder público". Respecto á propiedade privada, esta queda garantida "sempre que cumpra unha función social e que a súa adquisición ou tenza non sexa produto de feitos ou actos de corrupción". Outro pao máis nos fuciños dos galegosEstrano desaire do ministro Sevilla a Anxo QuintanaVinte e catro horas despois de que o ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla (PSOE), e o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana (BNG), se reuniran en Madrid para abordar a situación competencial de Galiza e marcar unha folla de ruta respecto a posibles traspasos que o Goberno central lle podería facer á comunidade nun futuro próximo, o representante estatal lanza unha advertencia ante as informacións que se publicaron na prensa onte sobre o positivo resultado de dita xuntanza.“Durante a reunión que mantiven con Anxo Quintana non se acordou a transferencia de ningunha nova competencia a Galiza e moito menos da de Salvamento Marítimo”, apuntou Jordi Sevilla. O ministro afanouse onte, en declaracións ós medios de comunicación en Madrid, en deixar claro que o único que se acordou na xuntanza foi poñer en marcha un grupo de traballo para estudar “a viabilidade ou non” de aprobar o traspaso de novas competencias a Galiza, polo que “extraer calquera outra conclusión é prematuro”. Así mesmo, aproveitou para matizar tamén que se adoptou a decisión de crear un grupo de traballo para “estudar a posibilidade de reforzar” a Comisión Bilateral Galiza-Estado, pero que aínda non se fixaron contidos nin se estableceu cál será a composición deste órgano. Non obstante, o ministro cre que, con estas dúas decisións, se deron “pasos moi importantes para fortalecer o autogoberno de Galiza”. Esta versión da reunión non casa, non obstante, coa amosada por ambos os políticos antonte na capital española tras concluír a xuntanza. Desde a Vicepresidencia, aseguraron que o ministro se comprometera a transferir, este mesmo ano, as competencias en Salvamento Marítimo; Inspección de Traballo; a titularidade patrimonial de bens da Tesourería da Seguridade Social; os centros de investigación do Estado con sede en Galiza; a titularidade dos arquivos históricos; a expedición do título de xestor administrativo; e o saldo da débeda de superficie da Administración central en todas as provincias. Na Radio Galega, Quintana valorou onte como “un paso importantísimo” para o autogoberno galego a reunión con Sevilla. O nacionalista dixo que “se acabou ver como Galiza sofre procesos de reconversión dos que se decata cando xa están en marcha”, xa que a constitución da Comisión Bilateral Xunta-Estado, acordada o mércores en Madrid, o impedirá, porque “Galiza terá que falar, opinar e decidir sobre o que o Estado quere facer no noso país”. Quintana defendeu que a partir de “agora imos ter un ámbito de relación bilateral onde poderemos tratar calquera programa que o Estado queira facer en Galiza”. Segundo Quintana, esta comisión terá, nun prazo de 2 a 3 meses, un novo regulamento e será o escenario tamén para a resolución de conflitos e de negociación e cooperación intelixente entre Estado e Xunta. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, tamén valorou onte como “un paso adiante extraordinariamente positivo” a reunión de Sevilla e Quintana porque “se abre camiño para avanzar en diversos aspectos” e subliñou a importancia de traballar nesta relación bilateral entre Xunta e Estado para que “Galiza non quede varada no avance do autogoberno”, despois do fracaso da reforma estatutaria. Touriño resaltou que agora se abren “espazos” para ampliar as competencias de Galiza, así como para a transferencia de medios e para impulsar a presenza da comunidade nas decisións estatais. Os Barballocas, os salvadores da linguaOs superheroes do galego, contra o «mal-dito» españolUnha empresa viguesa de xestión cultural crea unha obra de monicreques para nenos, con bos que falan galego e loitan contra o malo, que se expresa en castelán
Verbalinda é unha bruxa boa que planta sementes de galego e Maldito quérelle esnaquizar o horto
Por que hai moita xente maior que fala o galego e tan poucos nenos?Estoutro día ía acompañando a miña filla pequena ao colexio, cando de
súpeto vai e me espeta esta pregunta: "Papá, por que hai moita xente
maior que fala o galego e tan poucos nenos?". Tiña dez minutiños
escasos (os que quedaban para chegar ao cole) para improvisar
unha resposta. Díxenlle que durante moitos anos o galego estivera
proscrito da escola, dos medios de comunicación e da vida pública.
Conteille que a xente que falaba galego tivera que emigrar en masa para
gañar o pan, deixando desertas aldeas e comarcas que antes buligaban
dunha vida que se expresara desde sempre no idioma do país. Tentei explicarlle como ás persoas que falaban galego se lles inculcara a ferro e lume a convicción de que aquilo non era un idioma, mais unha xerga de pailáns, e que isto marcara moita xente cun profundo complexo de inferioridade. Eu ben vía que a coitada ía entendendo máis ou menos o asunto da escola e da emigración, pero a trela do complexo de inferioridade lle resultaba incomprensible. A EXPERIENCIDA DA HUMILLACIÓNMinia debeu de quedar matinando, pois á noitiña veume outra volta coa mesma leria. Daquela, non me quedou outra que contarlle un sucedido que acostumo relatar aos meus alumnos de Sociolingüística na facultade, subliñando de cada vez que o fago que foi a máis rotunda lección nesa materia que recibín na vida. A miña nai -ela mesma galegofalante pero que cando cativos nos falou castelán- aceptou cunha mistura de sentimentos que algúns dos seus fillos, ao chegarmos á adolescencia, nos instálasemos de vez no galego. No fondo, coido que o aprobou (polo menos nos varóns), pero deu na teima (iso nos parecía) de que coa miña irmá menor utilizásemos o castelán. En vista de que non lle faciamos caso, un día colleunos por banda e explicounos a razón da súa insistencia: tiña medo de que a Maruxiña lle fose a pasar o mesmo ca a ela, que cando de moza fora a Santiago tivera que aturar moitas burlas polo mal que falaba o castelán. A experiencia da humillación persoal por non falar ben o idioma fino sufrírona moitísimas persoas neste país. Con algúns organizadores de distinto tipo de actividades arredor do pasado Ano da memoria, teño comentado que botaba en falta a menor iniciativa que lembrase a dureza, a extensión e a profundidade da represión lingüística que padeceu Galicia durante a o franquismo. A parte visible é a persecución pública, pero hai toda unha trastenda de presión cotidiana pervasiva e incesante, sutil ou brutal segundo aquecía, que resultou dunha eficacia palpable. Calquera persoa maior de corenta e pico anos que proceda dun medio galegofalante pode rememorar anécdotas deste tipo. Un que medrou nunha vila en que o galego era o idioma de uso xeral de cotío, ten frescas memorias de brutalidades inflixidas a rapaces do seu tempo por mor do idioma. RECTIFICAR A DESEDUCACIÓNA democracia e a autonomía puxeron as vías para superar este pasado ominoso, pero o certo é que a discriminación dos e das galegofalantes non desapareceu. Certo que se repararon os peores abusos e que se tomaron medidas de fomento do galego. Pero nin as condicións xerais mudaron tan radicalmente, nin a mentalidade social se librou totalmente da lousa duns prexuízos profundamente arraizados. Ninguén dubida que o ensino constitúe unha ferramenta fundamental para mudar este estado de cousas, por iso a Lei de Normalización Lingüísica aprobada en 1983 dedica unha boa parte do seu articulado ao sistema educativo. Hai que lembrar dous aspectos básicos desa Lei: os nenos e nenas teñen o dereito de recibir o primeiro ensino na súa lingua materna; e ao final dos ciclos de ensino obrigatorio, os estudantes deben posuír unha competencia equivalente nas dúas linguas oficiais. Dabondo sensato, non si? Non imos entrar agora na valoración do pouco que os gobernos anteriores fixeron ou do moito que deixaron de facer para cumprir a devandita Lei. Limitémonos a apuntar dúas obviedades: primeira, os escolinos galegofalantes xamais viron plenamente garantido aquel dereito (desde logo, non en igual medida ca os castelánfalantes), e segunda, está comprobado que o nivel de competencia dos estudantes ao remataren o ensino obrigatorio é moito máis baixo en galego ca en castelán. En definitiva, que continúa a existir un claro desequilibrio que prexudica o idioma do país. ENSINO EN GALEGO E GALESCOLASSupoño que desa constatación parten algunhas iniciativas nesta materia do actual Goberno. Velaí o decreto da Consellaría de Educación que, segundo se anuncia, disporá que ao menos a metade da docencia nos niveis primario e medio se reciba en galego. É unha óptima noticia que este decreto saia avalado polos tres partidos parlamentarios, cousa lóxica se se ten en conta que esa medida se enmarca nas previsións Plan Xeral de Normalización Lingüística que elaborou o anterior goberno. A Xunta actual debe pór todo da súa parte en que o decreto se cumpra, e isto implica moita pedagoxía (especialmente cara ao profesorado), un decidido apoio por caso mediante a creación de material didáctico acaído, e tamén unha grande determinación que non se confunda a flexibilidade coa neglixencia. Por isto mesmo, chama a atención a nula visibilidade da Secretaría Xeral de Política Lingüística neste asunto. Andará a Secretaria aos biosbardos, como nos tiñan afeitos os seus predecesores no cargo? Falando de falantesOutra iniciativa importante para o galego é a anunciada creación da rede de centros de pre-escolarización (as galescolas) que está a pór en marcha a Vicepresidencia. Deixando á marxe andrómenas de mandilóns, trátase dunha das iniciativas máis significativas que ten nas mans este Goberno. Hai tempo que un pensa que se debera baduar menos coas linguas e tratar moito máis de falantes. A forza de enfatizar a sacralidade daquelas, acábase esquecendo que o verdadeiramente importante son as persoas que as falan. Cantas veces ten un a impresión de que se parrafea de máis coa aquela de defender, dignificar e promover o galego, e se pensa de menos en defender, dignificar e promover os/as galegofalantes. Por suposto que temos que preocuparnos polo idioma,... pero que tal se dedicamos unha pequena parte do noso esforzo a corrixir as evidentes desigualdades de todo tipo que pexan o desenvolvemento e o benestar da comunidade galegofalante? Unha boa porción dos recursos nominalmente asignados á política lingüística (e realmente reservados para mesteres menos píos), estarían mellor investidos nestoutro tipo de empresas. Noutra ocasión teremos azo para esgaravellar neste asunto. Se non me engano, por aí van as galescolas. Se con elas melloran as condicións de vida, os recursos educativos e as opcións de futuro dun sector francamente desfavorecido da nosa poboación -a que vive no medio rural, contando cuns servizos, uns equipamentos e unhas oportunidades inequitativos da cima ao cabo-, e ao tempo se evitan aqueles ferintes maltratos que padeceron e padecen tantas persoas neste país (entre outras, a miña nai), e que tanto me custou explicar á miña filla, pois mel nas filloas. Un artigo de: Henrique Monteagudo A prol da gheadaA gheada, os acordes prohibidos Para alguén de fóra, un estranxeiro que coñecese a lingua da Galiza só de escoitala na cotidianidade, no día a día, na fala común dos seus utentes e que aliás soubese da extensión territorial das súas variedades por percorrer o país intensivamente, abofé que lle habían rechamar as diferenzas na pronuncia do que el coñecería como galego verbo da modalidade prestixiada presente nos medios de comunicación, nas aulas, e en todo canto acto público se empregar o noso idioma. Se cadra unha das máis evidentes había ser a ausencia no galego "culto" desa aspiración do "g" tan semellante ao "h" do inglés que puido escoitar de Cervo a Fisterra, de Tui a Riós, e que mesmo sentiu en Pedrafita, no Rinlo de Ribadeu e até nos Ancares non administrativamente galegos. Unha pergunta lóxica deste viaxeiro interesado pola lingua de certo que había ser pola razón de ese galego culto escoller neste caso a forma xeograficamente minoritaria e concordante co español como padrón fonético. É realmente interesante que a aspiración dunha consoante dea xerado fobias tan grandes como xera a gheada. A fricativización e a desaparición das oclusivas sonoras latinas (B,D,G) é transcendental para explicarmos a evolución das linguas romances. Pola mesma, a fricativización, o relaxamento e mais a desaparición do –d- (< T) intervocálico son chave para entendermos por exemplo as formas verbais cos –ais,- eis,--is do español, do portugués e dalgunhas falas galegas (falais, faceis, partís). Para alén disto, no español este fenómeno presenta unha extensión serodia e afecta dialectalemente aos perdíos, pringaos e cantaores que decote escoitamos nos medios españois e que algúns xa queren arremedar no noso país. Do mesmo xeito a fricativización, a aspiración e a desaparición do –g- intervocálico é a única maneira de explicarmos as formas "faer"(<faguer) ou "faio" (<fago) das falas ourensás, topónimos como Noeira (<Nogueira), apelidos como Maroto (<Maragoto), os "triu"(<trigo), "fiu" (<figo), "fiaira" (<figueira) de Tras-Os-Montes, os "mía"(<miga) e "embíu"(<embigo) dos territorios galegos sob administración zamorana ou, entre moitos outros casos, o espalladísimo "eló" (< e logo) do galego común. Dentro das linguas romances un caso semellante ao da nosa gheada podémolo atopar na gorgia toscana onde a evolución do –C- latino pasa tamén pola aspiración /kh/ entre vogais. Pola mesma, malia a ausencia dun estudo en profundidade das falas do Norte de Portugal en procura de gheada aínda fican os testemuños de Alves Pereira, Carvalho Calero ou Fernández Rei da súa presenza nesta área. O asentamento do padrón lisboeta no Norte de Portugal tivo quizais o mesmo efeito sobre a gheada do que está a ter sobre o betacismo (non diferenciación entre b e v) ou a pronuncia do "r" forte. Non temos máis que ollar para o rápido cear da gheada galega en pouco máis de vinte anos para valorarmos esta posibilidade. Non sendo logo algo inexplicábel na evolución do noso idioma, cal é a razón do rexeitamento desde os mesmos comezos da nosa reivindicación lingüística deste fenómeno maioritario no galego? Se cadra a causa atopámola aí mesmo, nas orixes do noso standard oral moderno, limpa de eufemismos e elaboracións cientifoides. "Las geadas son un defecto de la gente idiota" dinos Marcial Valladares para completar máis adiante: "lo mismo que el decir berse, Visente, sentro, siudá, etc., por berce, Vicente, centro y ciudá" Mais a quen se refere o gramático como modelo defectuoso de lingua? quen somos os idiotas? "en honor de la verdad esto sólo acontece entre individuos de la ínfima escala, como por ejemplo pescadores, verduleras, palanquines, etc." Este preconceito de clase que na práctica sitúa a pronuncia coincidente co español como culta face á marioritaria no país, a das clases populares da meirande parte do territorio, percorre unha sobranceira xeira de autores até hoxe en día. Así e todo, malia a constante do rexeitamento feroz e clasista, os argumentos para o mesmo van variando co devalar do tempo e abeirandose progresivamente ao socairo da linguaxe académica. Deste xeito Cotarelo Valledor sinala acusador que "...tan grosero hábito sólo se usa entre el vulgo"; Couceiro Freijomil ataca tamén a gheada que considera unha "pronunciación defectuosa...intolerables en lenguaje culto" e Carré Alvarellos afirma que é un castelanismo xa que non existe en portugués polo que hai que eliminar de vez "ese sonido extraño y desapacible, signo de rusticidad e incultura" contraposto ao modelo que cadra co español "correcta, dulce, eufónica, elegante". Carré coida tamén que é na incapacidade para aprender da xente do rural galego canda a falla de preparación dos mestres das escolas de aldea onde cómpre procurarmos o nacemento de "esa horrible contaminación castellana de origen africano". Mais é en J.L. Pensado onde atopan os detractores actuais do fenómeno os alicerces para continuar a rexeitar do standard oral a aspiración do /g/. Pensado argumenta que a gheada xorde polo tremendo peso do español que provocou que os galegofalantes ao tentaren empregar a lingua imposta ou ao inseriren no galego palabras dela o fixeran nun principio con gueada (paisague por paisaje, guirar por girar, etc...) e que isto xerou chacotas a esgalla. Este escarnio da gueada en español é a causa segundo este autor de que, por ultracorrección, os galegofalantes adoptasen o son /x/ e o estendesen a todos os casos tamén no español ("el paisaje es muy ajradable") cun desprezo profundo polo /g/ que, nunha terceira fase pasaría ao galego e cáseque o eliminaría da lingua agás nas áreas menos castelanizadas: "... la /X/ castellana, primeramente sustituida por /G/, como consecuencia de esa sustitución, al terminar siendo aprendida por los gallego-hablantes, arrastra consigo toda /G/ gallega, haciéndola pasar a /X/ en todos los contextos, en el habla de los grupos sociales más incultos." Quer dicir, o son /h/ (ghato) da gheada galega, diferente do /x/ (jabón) español, comeza a xeneralizarse na nosa lingua en pleno século XVI pola necesidade que tiñan os galegos menos españolizados desa época, as clases populares de ámbito rural, a inmensa e ágrafa maioría da poboación, de falaren español. Coa mesma, esta "contaminación" daríase na área seica máis castelanizada: a zona Occidental de Galiza onde se mantén o "seseo" e onde se producen, nesa mesma época, mudanzas diverxentes coas formas da lingua imposta ("ti dis que el di" / "tu dices que el dice" etc...). Destarte o /x/ español (paisaje, girar, jabón) non arromba curiosamente a fricativa palatal xorda do galego (paisaxe, xirar, xabón) coa que se podería facer analoxía pola semellanza entre dúas linguas románicas mais ao /g/ e aínda camuflada como un son diferente: /h/. É chamativo tamén que o noxo polo /g/, que disque aparece nas áreas de gheada por mor das iniciais burlas á gueada, consinta na maior parte destas falas a existencia de /g/ após nasal interior de palabra e até a súa transformación en /k/ (ghato e aghora pero ninguén ou ninquén). En fin, canda os que confunden "a dureza para deixarse asimilar" coa "dureza para asimilar" como dicía Castelao están os que malia concordar con que a gheada non é un castelanismo aceitan a súa exclusión do standard oral culto por tradición, a mesma tradición que xebra este norma escrita que estou a empregar da lusofonía e que a fai depender do español co apoio de todas as institucións que axen no noso país. Aínda uns últimos, engaiolados polas abstraccións dos xogos metalingüísticos, condenan a aspiración do /g/ por nos afastar da pronuncia lisboeta coa mesma euforia coa que abenzoarían o retroceso do betacismo no Norte de Portugal ou africación do /t/ no Brasil (ou non?). Ao cabo, dicir "ghato" ou "sinco" segue a ser rústico, vulgar, desagradábel e pailán face a "gato" e "cinco", como en español, que é correcto, fino, elegante e propio de xente educada. Un artigo de: César Caramés Feijoo Presidente...O PP de Venezuela presentou a Feijóo ante os seus militantes coma presidente da XuntaAs invitacións que o Partido Popular de Venezuela enviou aos seus militantes en vésperas da visita de Alberto Núñez Feijóo a Caracas o pasado outubro presentou ó líder do PP galego coma presidente da Xunta de Galiza. Na comunicación que o partido enviou aos seus simpatizantes, o PP de España en Venezuela da a benvida a Alberto Núñez Feijóo como "Presidente de la Comunidad Autónoma de Galicia en esta su primera visita a Venezuela". Na invitación especial á recepción e ó brinde que o partido celebrou en honra de Feijóo no Teatro Rosalía de Castro da "Hermandad Gallega de Caracas", p PP venezolano engade: "Bienvenido Presidente, estás en tu casa".01/03/2007 Máis autogobernoQuintana pacta un novo modelo bilateral entre Galiza e o Estado
Galiza e o Estado terán un novo marco de relación. Logo dunha reunión en Madrid, o vicepresidente anunciou a creación dunha Comisión Bilateral Estado-Xunta e a chegada de novas transferencias, entre elas a de salvamento marítimo e inspección de traballo.
Anxo Quintana e o ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla, acordaron este mércores a transferencia de sete novas competencias entre as que están as de salvamento marítimo; a inspección de traballo; a titularidade dos arquivos históricos; os centros de investigación do Estado con sede en Galiza; a expedición do título de xestor administrativo; os bens reservados á Tesourería da Seguridade Social e adscritos a servizos xa transferidos e o saldo da débeda de superficie do Estado en todas as provincias galegas. Nunha conferencia de prensa posterior ao encontro, Jordi Sevilla explicou que para o traspaso constituirase antes dun mes un grupo de traballo conformado por membros dos dous gobernos. Os técnicos teñen que estudar os prazos para as transferencias. O vicepresidente galego sinalou que se estaba a dar un paso "grandísimo" en favor do autogoberno. Máis competencias Quintana explicou que o seu executivo aposta por lograr tamén nos vindeiros meses as competencias en materias como o tráfico e a seguridade vial; a xestión do dominio público marítimo-terrestres; e o da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Para o vicepresidente, o paso é especialmente importante para que Galiza, a pesar de non ter aprobado o Estatuto, poida seguir a desenvolver o seu autogoberno. Non hai que esquencer que o anuncio dunha comisión bilateral entre a Xunta e o Estado prodúcese só 48 horas despois de que se constituíra unha entre o goberno central e o catalán. Neste último caso para as transferencias do novo Estatut. Nación Mundial GalegaA "Nación mundial galega" reivindícase na rede
Aproveitando o recente debate estatutario sobre a nación galega, a asociación cultural Fillos de Galicia propón a súa definición. "O pobo galego espallado polo mundo constitúe unha nación non limitada xeográficamente a territorio ningún, nin sequera a Galiza", indican na web creada ao fío desta iniciativa.
"A Nación Mundial Galega é o conxunto de persoas que compartimos a mesma orixe étnica e o mesmo sentimento de sermos galegos, e que temos o mesmo idioma, o mesmo conxunto de tradicións e a mesma cultura, con independencia de onde naceramos, onde residamos, ou que documentos de identidade teñamos" recolle o manifesto presentado polo colectivo. Fillos tamén abriu en internet o espazo NacionMundial.info.
Na mesma liña, mesmo propoñen un símbolo para identificar a esta "Nación Mundial Galega", unha bandeira branca cunha dobre banda azul que, segundo explican, "representa a parte da nación que vive en Galiza e a outra, que se cruza e une coa primeira nun único corpo dunha mesma cor, representa aos galegos de fóra de Galiza". Engaden tamén que as beiras negras representan "a dor, o trauma histórico. |
|
||||
|
|