More servicesWindows Live
HomeHotmailSpacesOneCare
 
MSN
Sign in
 
 
Spaces home  Aires da miña TerraPhotosProfileFriendsMore Tools Explore the Spaces community

Suso!!!

View spaceSend a message
Occupation:
Age:
Location:
Eu non cambiei dende a miña infancia... bueno, un pouco... en que xa non fago ostentación da miña ignorancia

Aires da miña Terra

A nosa voz pregoa a redenzón da boa Nazón de Breogán
4/7/2007

Enquisa a Javier Alfaya, escritor e xornalista

"O centralismo delirante, borbónico, que vén do século XVIII, xa non serve"

Javier Alfaya naceu en Baiona (1939) pero é un deses galegos de fóra. Membro do PCE durante o franquismo, e logo de IU, ten unha cumprida traxectoria profesional como xornalista. Redactor das revistas Triunfo, Mundo Obrero ou La Calle, foi colaborador de El País, Letra Internacional, Cuadernos para el Diálogo e Revista de Occidente, hoxe é colaborador de
Le Monde Diplomatique.

Galego de fóra e internacionalista convencido, Javier Alfaya fala dende a experiencia profesional e política que dan os anos e o temperado fracaso da utopía. En Compostela, convidado polo Club Internacional de Prensa, reflexiona sobre a cultura en tempos de globalización, advirte de que Iraq non vai ser o derradeiro troupeleo dun Imperio que se esboroa e aproveita a estadía no país para apertar os amigos. A Xosé Manuel Beiras e a Isaac Díaz Pardo saúdaos en galego, aínda que logo se pase ao castelán para a conferencia porque en Madrid, concede, "practica pouco". Unha entrevista de Iago Martínez con fotografías de Quico López.

Con todo, agora insiste en falar galego.


Un día que Beiras e Pepe Cáccamo presentaron un libro meu en Vigo, hai pouco, foi alí outro amigo, un dos mellores escritores en lingua galega, Camilo Gonsar, un home moi tímido. O caso é que falei en galego, mais logo sentín que tiña que matizar moito e pensei que era mellor facelo en castelán. Ao final do acto, Camilo preguntoume por que o fixera, e eu confeseille que tiña dificultades, que o meu galego non era moi bo. Sabe o que me contestou? Que falaba o galego mellor que moitos aquí en Galicia (ri).


Acontece decote.

Claro que acontece. É un problema histórico do galeguismo, a reinventar constantemente a lingua para afastala do castelán. Ao cabo, son linguas que teñen a mesma raíz.


Estaba a pensar máis ben en termos de conflito lingüístico. Hai moitos neofalantes de familias que falaban en castelán, escolarizados en castelán...

Eu son dunha xeración analfabeta en galego. Empecei a escribir poesía en galego, si, para min, pero na casa aprendéranme en castelán, sen ningunha intención, as criadas. Son dunha familia moi burguesa. Dos catro irmáns que teño morreron tres, os maiores, e ningún falaba o galego. Só un, o que quedou por aquí, un pouco. A Guerra Civil tamén afectou. Falar galego na clase media era ser un subversivo.

Encetou a súa conferencia cun agoiro: prepárense, o Imperio está para caer.

Non sei se leu vostede o libro de Todd, Après l'empire. Como tódolos libros desta caste é moi provocador, mais concordo con el en que os EEUU están para caer. Estamos diante dunha gran escenificación internacional de forza. O problema non é Oriente Medio. Israel si, porque aí hai unha sorte de nó estratéxico, e hai petróleo, mais eu coido que o problema dos EEUU é China. China e Rusia, porque aínda que xa non é o que era, Rusia ten un poder nuclear impresionante, pode varrer Europa en dúas horas. E logo está a presenza dos neocons, un sinal de decadencia. Por que? Porque antes non os precisaban. O Partido Demócrata foi o partido máis belicista da historia norteamericana. Esquecemos que a guerra de Vietnam foi a máis terríbel, con millóns de mortos, non norteamericanos, claro, senón vietnamitas, e que foi dunha administración demócrata. Kissinger é un bandido, xa o sabemos, mais na altura foi máis realista que Dean Rusk, o secretario de Estado, ou que Walt Rostow, asesor especial do presidente. Eles foron belicistas até o final, negáronse a recoñecer a derrota, a maior, a única dos EE.UU. Agora teñen diante a China, unha gran potencia cun crecemento do 10% do PIB anual. Pero é que ademais teñen unha crise de identidade. Estou casado cunha norteamericana e os meus fillos teñen a dobre nacionalidade. Non coñezo ben os EE.UU mais si a moitos estadounidenses, aos que teño na casa, aos que tiven, porque os meus fillos xa non viven connosco, e a moitos amigos. E sempre falamos de que hai xa dous EE.UU., un deles moi liberal, democrático, máis que moitos países europeos...


A cuestión é saber se ese país liberal cuestiona ou non o proxecto imperialista.

Empeza a cuestionalo. Hai unha certa conciencia democrática que antes non... Que digo! Pense na oposición que houbo contra a guerra de Vietnam! Estiven en Berkeley en 1969 e vin a bandeira da FLN vietnamita, mitins todos os días, axitación auténtica. E contra a guerra de Iraq tamén houbo millóns de persoas mobilizadas. A miña sogra, que era de dereitas, católica de orixe irlandesa e norueguesa, da ala máis conservadora do Partido Republicano, acabou por saír á rúa para se manifestar contra esa guerra. Para min un dos grandes políticos do século XX foi Ho Chi Minh, un home intelixente, unha sorte de Mandela do seu país. Na guerra, con todo o mundo enleado nas manifestacións, el repetía: a vitoria final será nosa e do pobo norteamericano. Todos pensaban que estaba senil, era un home de oitenta anos, si, pero máis listo que ningún. Levaba razón.


Onde está a esquerda europea?

Non a hai. Un día díxenllo ao pianista Maurizio Pollini, que fora comunista. Sabe o que contestou? Que é certo, que o único que queda é a decencia. O fracaso do comunismo foi brutal. Ninguén podía pensar nunha catástrofe semellante. Sabíase que había cousas, que os estados do leste de Europa eran sociedades mortas... Alí todo empezara coa invasión do exército soviético, nunca houbera raizame, mais no Occidente si. Aquí, os partidos da vangarda antifascista foran os comunistas, a resistencia fixérana os comunistas e os nacionalistas franceses. Non sei o que pasou. Dicía Hobsbawm, o historiador inglés, cando presentou a súa autobiografía en Madrid con Fontana, o catalán, o mellor historiador deste país, que había un enigma sen resolver: a autodisolución do Partido Comunista Italiano. Se o pensas ten razón. De todos, era o máis democrático, o máis aberto, cunha aceptación absoluta do pluralismo, da necesidade dun gran consenso social e político para mudar a sociedade. Que pasou? Non o sei. Olle agora para Italia, un dos países máis inestábeis de Europa. O comunismo fracasou e a socialdemocracia tamén. Olle o que está a pasar en Francia. Cal é a esquerda? Os socialistas? Ségolène Royal? Dicía Ramón Chao que prefería que gañara ela as eleccións. Si, claro, pero iso non é... Royal é admiradora de Blair! Pode que do seu belicismo non, mais si do que fixo coa sociedade británica, que é un desastre. E logo a Internacional Socialista, unha ficción. Como pode sentar con Blair un pacifista como Zapatero? Están enfrontados a morte! Se Blair é un iluminado que disque fala con Deus! Hai que facer algo... O que si hai é esquerda social, xa o dicía Bourdieu.


Se cadra non é só unha crise da esquerda, senón dos partidos políticos.

Os partidos teñen tendencia á institucionalización, fan parte do réxime. Están instalados, todos, sen excepción. Falábao con Ferrán Montesa, de Le Monde Diplomatique, co que comparto orixe política. Concordabamos en que os sindicatos europeos son cadora máis conservadores. Non sei en Francia, onde o sindicalismo é máis activo, está na rúa e ten máis sensibilidade, mais noutros países está moi apegado ao goberno do momento, aínda aos conservadores. É case unha parte do Estado. Non hai máis que ver a evolución de CC.OO. Naceu como un sindicato revolucionario e foi o grande inimigo do franquismo até o final. O PCE era un partido moi minoritario, de activistas, cun partido así só podías facer guerra de guerrillas. CC.OO., porén, tiña unha forza extraordinaria. Os empresarios xa negociaban con eles, sabían que recorrer ao franquismo era meter a policía nas empresas e iso non os beneficiaba. Non sei, coido que hai unha crise moi grande, todo está inzado de interrogantes. Do socialismo non fica nada. Non sei en Vietnam, mais en China é pouco máis que un xeito de falar. É unha sorte de capitalismo de Estado, moi controlado, si, mais... A resurrección da esquerda europea ten que estar xa moi condicionada polo que aconteza no Terceiro Mundo, en América. Pense que, no entanto os gringos están en Iraq, Irán ou Siria, países como Brasil, Ecuador, Bolivia ou Venezuela... O outro día, falando cun sobriño meu que é deputado en Brasil..

Por qué se invadiu entón Iraq?

Un informe do Pentágono recoñece que Sadam non tiña relación con Al Qaeda

Un informe de 120 páxinas elaborado polo propio Pentágono recoñece que non hai probas para establecer ligazóns entre o réxime de Sadam Hussein e a organización Al Qaeda. A conclusión é o resultado dos interrogatorios ao ex lider iraquí e dos numerosos documentos oficiais estudados logo da invasión. O relatorio foi feito público grazas ás xestións do senador demócrata Carl M. Levin, presidente do comité dos Servizos Armados do Senado.

Hai que lembrar que o goberno Bush sinalou, pouco antes de comezar a ocupación de Iraq, que había probas dunha relación directa entre os terroristas islámicos de Al Qaeda e o goberno de Sadam. Tamén sinalaba que Iraq posuía armas de destrución masiva, algo que co tempo se revelou falso.

 

3/24/2007

Ausente

Boas xente! Levo xa unha boa tempada sen pasar por aquí.
 
O caso é que estou sen computador e ando liado pola semana, de xeito que non teño tempo de atender a todo. Seguirei sen pasar moito por aquí nunha tempada e/ou reducirei o número de artigos...
 
Agora traslado a miña principal actividade la Blogoteca: Sempre en Galiza
3/13/2007

Flandres defende a súa cultura

Flandres insiste en que o neerlandés debe seguir sendo a lingua principal nas escolas

"O primeiro é que os alumnos coñezan perfectamente a súa lingua materna", indicou o presidente do goberno flamengo, ao rexeitar a creación de escolas bilingües.

A lingua flamenga seguirá sendo a principal nas escolas de Flandres se non hai cambios na correlación actual de forzas en Bélxica. A maioría de formacións políticas de Flandres rexeitaron a proposta do Partido Socialista, maioritario en Valonia, para que se promovesen escolas bilingües, con igual peso para o francés e o neerlandés. A iniciativa propón que as primeiras escolas dese tipo se estabelecesen ao longo da fronteira lingüística entre as dúas áreas do Estado belga e que inclúan alumnos e profesorado a partes iguais de cada unha das comunidades.

Dende o proceso de federalización iniciado na década dos 80, as dúas comunidades lingüísticas belgas, a flamenga e a francófona, administran cada un pola súa conta o ensino. No total, os flamengos son maioritarios, o 60% da poboación. Os socialistas, maioritarios en Valonia, consideran a súa proposta unha "prioridade" do programa que presentarán ás eleccións do próximo mes de xuño.

A iniciativa foi recibida moi criticamente en Flandres, onde subliñan ademais os argumentos pedagóxicos como aval da educación principal en neerlandés. Tanto o presidente flamengo, Ives Laterne, coma o seu ministro de Educación, Frank Vandenbroucke, insistiron en que os rapaces deben estudar na lingua propia de Flandres. "Se os francófonos queren coñecer mellor o neerlandés que fagan esforzos no seu propio sistema educativo", dixo Laterne. "Hai que privilexiar unha lingua, porque senón, no canto de multilingüismo remátasen en cerolingüismo", afirmou Vandenbroucke.

3/3/2007

Os fusilamentos da Guerra Civil na Galiza

As tres universidades galegas elaboran un detallado mapa dos fusilamentos da Guerra Civil

As tres universidades galegas emprenderon un estudo conxunto, pioneiro en España pola súa metodoloxía, para elaborar un mapa cos nomes das vítimas e lugares dos fusilamentos entre o 1936 e o 1939 e reunir as voces de 300 represaliados ou familiares que estará rematado no 2007.

O coordinador do estudo para a provincia de Ourense, Xulio Prada, explicou a EFE que o proxecto é "moi ambicioso" e o mapa non estará elaborado a mediados do ano 2007, como se prevía, "xa que a intención é recoller 300 testemuños en toda Galiza e entrar en tódalas causas militares arquivadas en Ferrol".

En relación aos fusilados en Galiza, Prada indicou que hai disparidade de cifras que oscilan entre 4.500 e 10.000 persoas "debido á dificultade do concepto de vítima, xa que inclúe contar, por exemplo, a un asturiano que foi fusilado en Ourense, pero tamén aos galegos fusilados no resto do Estado".

Nese senso, o historiador estimou entre 4.500 e 7.000 os fusilados en Galiza, case todos entre 1936 e 1939.

Segundo Prada, a represión en Galiza tivo como característica diferenciadora do resto de España: "a gran dispersión dos cadávres, xa que nunca se atopan máis de cinco nun mesmo lugar, agás en Ferrol, onde houbo fusilamentos de até 24 persoas xuntas nos primeiros meses, debido á gran resistencia obreira existente e á falta de espazo para recluír aos detidos, polo que se habilitaron barcos como centros de prisión".

O mapa en proceso de elaboración, recollerá lugares "moi coñecidos polos veciños e a algúns até lles puxeron nome e apelido, como ocorre co Arca Aberta situada preto de Vilariño Frío e na que mataron a catro líderes comunistas e mestres".

Xustiza en galego

Propoñen que se introduza unha materia de lingua galega en Dereito

O deputado do BNG Bieito Lobeira pediu que se tomen medidas para garantir a defensa dos dereitos lingüísticos na administración de Xustiza, como a implantación da materia de Galego nas facultades de Dereito do país. Lobeira considera que os maxistrados que descoñecen e mesmo desprezan o idioma non poden impartir Xustiza en Galiza.

O parlamentario nacionalista cita o caso do xuíz decano do Xulgado do Social número 3 da Coruña, que se amosou publicamente contrario ao uso da nosa lingua en varias ocasións. Na iniciativa parlamentar, solicita que a Secretaría Xeral de Política Lingüística faga unha avaliación da situación e explique que medidas vai tomar para resolvela.

3/2/2007

O himno galego non data de 1907, senón de 1896

'Que din os rumorosos' xa soaba con música no século XIX

No Congreso que está a ter lugar estes días na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago de Compostela, acábase de revelar un novo dato sobre o himno: os actos céntranse en homenaxear a Pascual Veiga no centenario da estrea da versión musical, pero o musicólogo Fernando López Acuña descubriu que realmente non se produciu en 1907, senón xa no 1896.

O Congreso "Pascual Veiga e a súa época" está a celebrarse do 1 ao 3 de marzo na EAEM, organizado pola Consellería de Cultura, con motivo do centenario da estrea do himno musicado por Pascual Veiga. Pero xa na primeira xornada sóubose que o centenario non é tal, senón que son xa 111 anos os que se fan deste fito: Fernando López-Acuña, membro do grupo de investigación, obtivo datos que refutan a hipótese da estrea na Habana en 1907. Non se saben a data e o lugar exacto, pero segundo as informacións publicadas e partituras dos orfeóns da época, o himno tal e como o coñecemos xa era tocado no 1896: a prensa especializada recolle a polémica que xurdiu nun certame de Lugo, despois de que o Orfeón do Centro Galego de Madrid dirixido por Veiga o perdese. O Orfeón emprega a letra do poema de Pondal para defenderse "máis só os iñorantes, e feridos e duros,/ imbéciles e escuros/ non nos entenden, non". Outros vestixios sitúan a composición do mindoniense en mans do Orfeón madrileño El Eco.

Ademais, Rosa Fernández, coordinadora do Congreso e membro do grupo de investigación, afirmou que a partitura do 13 de xullo de 1890 sobre 'Os Pinos', non é de Veiga, "senón do gañador do certame á mellor marcha rexional galega, o catalán Ivo Gotós". Naquel certame presentáranse dez composicións sobre o poema de Pondal, e foi a de Veiga a vencedora, "entre abril e xullo de 1890". A doutora en Musicoloxía e Membro da Real Academia de Belas Artes de Cataluña presentou a Veiga como "pioneiro do nacionalismo musical no Estado español".

Autodeterminazón dos indíxenas bolivianos

Bolivia podería recoñecer o dereito dos indíxenas á autodeterminación

O goberno de Bolivia está decidido a que a nova Constitución recolla o dereito á autodeterminación dos pobos indíxenas. A proposta foille entregada á Asemblea Constituínte, encargada de redactar a Carta Magna.

O documento Propostas do poder executivo á Asemblea Constituínte para a elaboración da nova Carta Magna de Bolivia contempla o recoñecemento a que "os pobos indíxenas e orixinarios recuperen o seu dereito á autodeterminación". O informe do goberno que dirixe Evo Morales foi entregado á axencia EFE polo presidente dunha das comisións que están a traballar na redacción da Constitución.

No capítulo correspondente ás autonomías, o Executivo sinala que "os dereitos de autodeterminación e autogoberno se exercen a través da capacidade de autonomía dos pobos e comunidades", e suxire que os indíxenas recuperen o seu "papel protagonista".

Dereito a veto no seu territorio
"As autoridades dos pobos indíxenas teñen personalidade xurídica de orde constitucional. O seu recoñecemento corresponde a cada pobo e comunidade segundo os seus usos e costumes, sen que se lles requira ningún trámite adicional ante outra entidade", salienta o informe.

Ademais, segundo este, "terán dereito a que se lles consulte sobre a exploración e explotación de recursos no seu territorio, e, incluso, o dereito ao veto". Porén, aclara que os procesos de descentralización non poden pór en risco a cohesión de Bolivia.

Función social da propiedade privada
Por outra banda, o documento recolle a posibilidade de que o Estado sexa o propietario de todas as terras e recursos naturais. Tamén propón que a Igrexa católica perda os seus privilexios de relixión oficial e que as chamadas "organizacións sociais" -a maioría unidas no Movemento Ao Socialismo, MAS- integren un "órgano constitucional autónomo, que controle as actuacións e a xestión do poder público".

Respecto á propiedade privada, esta queda garantida "sempre que cumpra unha función social e que a súa adquisición ou tenza non sexa produto de feitos ou actos de corrupción".

Outro pao máis nos fuciños dos galegos

Estrano desaire do ministro Sevilla a Anxo Quintana

Vinte e catro horas despois de que o ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla (PSOE), e o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana (BNG), se reuniran en Madrid para abordar a situación competencial de Galiza e marcar unha folla de ruta respecto a posibles traspasos que o Goberno central lle podería facer á comunidade nun futuro próximo, o representante estatal lanza unha advertencia ante as informacións que se publicaron na prensa onte sobre o positivo resultado de dita xuntanza.

“Durante a reunión que mantiven con Anxo Quintana non se acordou a transferencia de ningunha nova competencia a Galiza e moito menos da de Salvamento Marítimo”, apuntou Jordi Sevilla. O ministro afanouse onte, en declaracións ós medios de comunicación en Madrid, en deixar claro que o único que se acordou na xuntanza foi poñer en marcha un grupo de traballo para estudar “a viabilidade ou non” de aprobar o traspaso de novas competencias a Galiza, polo que “extraer calquera outra conclusión é prematuro”. Así mesmo, aproveitou para matizar tamén que se adoptou a decisión de crear un grupo de traballo para “estudar a posibilidade de reforzar” a Comisión Bilateral Galiza-Estado, pero que aínda non se fixaron contidos nin se estableceu cál será a composición deste órgano.

Non obstante, o ministro cre que, con estas dúas decisións, se deron “pasos moi importantes para fortalecer o autogoberno de Galiza”.

Esta versión da reunión non casa, non obstante, coa amosada por ambos os políticos antonte na capital española tras concluír a xuntanza. Desde a Vicepresidencia, aseguraron que o ministro se comprometera a transferir, este mesmo ano, as competencias en Salvamento Marítimo; Inspección de Traballo; a titularidade patrimonial de bens da Tesourería da Seguridade Social; os centros de investigación do Estado con sede en Galiza; a titularidade dos arquivos históricos; a expedición do título de xestor administrativo; e o saldo da débeda de superficie da Administración central en todas as provincias.

Na Radio Galega, Quintana valorou onte como “un paso importantísimo” para o autogoberno galego a reunión con Sevilla. O nacionalista dixo que “se acabou ver como Galiza sofre procesos de reconversión dos que se decata cando xa están en marcha”, xa que a constitución da Comisión Bilateral Xunta-Estado, acordada o mércores en Madrid, o impedirá, porque “Galiza terá que falar, opinar e decidir sobre o que o Estado quere facer no noso país”. Quintana defendeu que a partir de “agora imos ter un ámbito de relación bilateral onde poderemos tratar calquera programa que o Estado queira facer en Galiza”.

Segundo Quintana, esta comisión terá, nun prazo de 2 a 3 meses, un novo regulamento e será o escenario tamén para a resolución de conflitos e de negociación e cooperación intelixente entre Estado e Xunta.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, tamén valorou onte como “un paso adiante extraordinariamente positivo” a reunión de Sevilla e Quintana porque “se abre camiño para avanzar en diversos aspectos” e subliñou a importancia de traballar nesta relación bilateral entre Xunta e Estado para que “Galiza non quede varada no avance do autogoberno”, despois do fracaso da reforma estatutaria. Touriño resaltou que agora se abren “espazos” para ampliar as competencias de Galiza, así como para a transferencia de medios e para impulsar a presenza da comunidade nas decisións estatais.

Os Barballocas, os salvadores da lingua

Os superheroes do galego, contra o «mal-dito» español

Unha empresa viguesa de xestión cultural crea unha obra de monicreques para nenos, con bos que falan galego e loitan contra o malo, que se expresa en castelán

Verbalinda é unha bruxa boa que planta sementes de galego e Maldito quérelle esnaquizar o horto

O vindeiro domingo, o Museo Verbum levará a palabra até os límites da confrontación lingüística nun espectáculo pensado para un público afeito a lidar cada día co "coñecemento do medio", (tamén coñecido coma "coñe") pero sen a bagaxe suficiente para saber que nisto das palabras tamén hai bos e malos.

Quen lles levará a exporse este tema quizais sexan Os Barballocas, uns personaxes que acaban de nacer da imaxinación dun creativo grupo de vigueses que montaron unha empresa de xestión de proxectos culturais, Mekané Didáctica. Rocío Marín e Pedro A. Cordón son os directores. Ambos son licenciados en Xeografía e Historia e contan cunha avultada experiencia no sector da xestión cultural que vai desde o Palacio Pitti de Florencia ou o Guggenheim de Venecia ao museo Marco de Vigo ou o Centro Cívico de Teis, onde desenvolven talleres para nenos. Pero agora enfróntanse ao seu primeiro proxecto como empresa e para empezar inventaron a uns superheroes singulares en forma de monicreques de luva.

Viaxe á Festa do Queixo

A historia dos catro bos e un malo, comeza no S. XII no Reino de Galiza e a súa vida transcorre entre O Castro Outo, Boiriz e Capita Augusti. Chámanse Verbalinda (a meiga creadora da lingua galega, que ten un laboratorio onde planta sementes de diferentes linguas), a nena Falamunda, de orixe suevo, (protectora da lingua) o neno Pepiño, que é romano, a vieira Sarela (un computador portátil que teletransporta aos Barballocas no tempo, ¡e chegan ata a mismísima Festa do Queixo no século XXI!) e o malvado Maldito, bautizado así aproveitando o xogo que dá a súa tradución castelá (Mal devandito).

O malo, que odia Galiza, fala español e algunha palabra en inglés, quere conseguir que todos os nenos falen mal o galego, esquezan a historia, a cultura e a lingua galega, e os bos teñen un obxectivo: animar e motivar aos nenos e as súas familias a utilizá-la lingua galega, ou como reza a nota enviada polo Verbum, "conseguir que tódolos que viven ou viviron na nosa terra falen galego e que ou falen correctamente".

Nacionalismo

Segundo conta Rocío Marín, o proxecto xestouse sen ningunha intención maniquea. "Aparentemente queda moi radical, pero a verdade é que xurdiu pensando como podiamos facer ¡nós, que non falamos galego case nunca e que antes falabamos castelán sempre! para que os rapaces se interesasen polo idioma. E ocorréusenos crear uns heroes".

A codirectora de Mekané asegura que o espectáculo non é nin galeguista nin nacionalista, senón que o que se busca é motivar ao público infantil creando uns personaxes atractivos, "xa que até o malvado é simpatiquísimo", e engadindo elementos ligados á vida cotiá. "Por exemplo, deseñamos uns colgadores de portas como os dos hoteis con Verbalinda e Maldito, para que os poñan nas habitacións nas que se fala galego ou nas que se fala castelán".

O espectáculo estrearase este domingo, 4 de marzo, ás 12 horas no Verbum, pero xa hai unha chea de Concellos de diferentes puntos de Galicia (Marín, Oroso ou Carnota, entre eles) interesados en contratar a "Os Barballocas, os salvadores dá língua galega". Verbalinda, Pepiño, Falamunda, Maldito e Sarela quedarán durante tódolos do